No pasado ano 2024 apareceu publicado pola editorial SEPT o libro de conversas co crego obreiro Bieito Santos quen vai debullando a sua vida coas voces de Silvestre Gómez Xurxo e Francisco Domínguez.
Nestas breves liñas, que non son propiamente unha recensión do libro, iremos glosando, máis ou menos, sen citar, algúns epígrafes, os máis emborcados na dimensión colectiva do Bieito. Escolleremos aqueles que abranguen os numerados entre o tres ao oito, espigando algunha idea de xeito sucinto e omnicomprensivo.
Esto pretende incentivar o achegamento á semblanza do Bieito perante a lectura desta obra tan vitalista e palpitante, libro e vida cristiá, de evanxelización no mundo obreiro e da loita, antes que sexa loito, a prol de que a lingua galega sexa inserida na praxe litúrxica.
O carácter dialóxico do libro imprímelle dinamismo e dotao dunha dimensión temporal omnipresente e un tanto omnisciente, as voces que interpelan ao Bieito saben dun xeito participante compartido nos feitos, ben sexa por testemuña directa ou por mediación de amigos comúns.
Isto confírelle unha trama ao libro moi axil, cómplice, tamén deste lado, pondo as letras do revés en retorno a palabra viva, a oralidade da que saíron.
Dende a chegada a Vigo no ano 1970 o Bieito emprende unha orientación laboral que o sitúa nos asteleiros ASCON, e vive en comunidade no bairro de Teis, nas Flores, a carón doutros curas obreiros. Ao tempo achégase ao grupo cristián de Xaime Seixas S. J, membro tamén Bieito Santos da Compañía de Xesús, comprometéndose coa tarefa de pular pola liturxia en galego.
O Bieito chega a facer xornalismo nun programa radiofónico propio en Radio ECCA, en Vigo, e outros traballos como articulista e redactor en boletíns e outras publicacións. Quizais esto sexa o menos coñecido do Bieito en contraste co traballo manual como operaron montador en ASCON perante sete anos.
Bieito foi tamén sindicalista destacado, xunto a Guillermo Fontán ou Ricardo Castro, entre outros, miembros da USO ( Unión Sindical Obreira, sindicato de raigame cristiá e praxe asamblearia, mesmo con predicamento de autoxestionaria).
ASCON tivo un peche patronal ( febreiro de 1978) de sete meses e foi nese tempo que a figura do Bieito Santos acada, sen él pretender, unha grande proxección pública como cura obreiro. Noutro eido máis específico o Bieito é un grande animador da evanxelización do mundo do traballo no seo da HOAC ( Irmandada Obreiro de Acción Católica).
No ámbito da Igrexa dos Apóstolos ata hai ben pouco os sábados de tarde oficiaba unha misa en galego e brindaba axuda espiritual e material aos máis necesitados, atendida a freguesía naturalmente.
Outra actividade reseñable son os cursos de soldadura impartidos persoalmente a xentes inmigradas, maiormente africáns, para capacitalos na entrada do mundo do traballo.
Neste libro de Conversas é moita a información aportada, mesmo da infancia e adolescencia do Bieito, de orixe cambadesa. Asemade, conta coas valiosas declaracións do seu compañeiro de traballo e amigo Guillermo Fontán e da sua sobriña Mar Santos, engádegas que aportan unha nota de intimismo ao libro.
Satisfeitos se con estas liñas somos quen de incentivar a incorporación ao diálogo de todos vos nestas conversas.
Colectivo Abrente.