miércoles, 26 de marzo de 2025

Toponimia :Valadares

Teño nas miñas mans o volume que aparez  sob a rúbrica " Colección : Toponimia do Val de Fragoso / Valadares, Núm. 8", editado pola Área de Normalización Lingüística da UVIGO, ao que acompaña a marca corporativa do Concello de Vigo.

 Este volume é da autoría conxunta de Aránzazu Luna e Gonzalo Navaza, tanto do texto como das fotos que ilustran a capa do libro e  as páxinas interiores. Esta edición vai cronolóxicamente signada no ano 2022 e ten unha extensión de 281 páxinas, a sua visualización resulta atractiva para a lectura, mesmo para un público non familiarizado con esta temática. 

Por tratarse dun libro dos que podemos considerar máis ben do xénero ensaístico e científico folga comento de valoración literaria da miña parte, si ben a mestría dos autores asegura a corrección do uso da linguaxe nestes mesteres, ao tempo científico e divulgativo. 

A utilidade e funcionalidade dos estudos toponímicos penso que é plena, inseparables do terreo concreto, permite levantamentos topográficos, cartográfico e catastrais, mantense en íntimo contacto coa estatística coma fonte nutricia ao tempo que fornece de nomeamento necesario ó espazo xeográfico. 

Alén diso, tenta esclarecer a orixe e semántica dos topónimos, adentrándose nos procelosos mares das etimoloxías e parentescos lingüísticos da onomástica e dalgúns outros trazos ou rasgos da formación dos vocablos. Os estudos toponímicos enganchan a oralidade á ciencia e dotan e datan estratos históricos e paleohistóricos, reconstruíndo unha arqueoloxía do saber que posibilita a edificación do que chamamos IDENTIDADE, unha ontoloxía da xeografía humana, do imaxinario colectivo.

 Pois ben, Valadares, topónimo dos máis deturpados polo castelanismo, transmutado en Valladares, que non hai deus quen llo quite. Mesmo unha emisora comunitaria dise Radio Valladares, pesia ter coñecimento da aparición deste libro. 

Agora non hai excusa, temos a obriga, senón da lectura íntegra, si da consulta desta obra. Eu teñoo máis para este último fin e para lecer que para a lectura ordenada e secuencial. No meu caso, trala lectura do limiar e un percorrida agallope, coma  cabalo ceivo deses montes, funme a páxina 263" Motivacións dos Topónimos de Valadares ", e alí fixen pousada para recuperar folgos. Vos veredes... Visitade Valadares, NON Valladares. 

P.D. Agradezolle o galano dun exemplar dedicado deste libro a miña amiga Aránzazu Luna. 

XUR O'PONTILLÓN.